Thursday 02 de May de 2024

O Concello de Ordes convida á veciñanza a colaborar no deseño dun plan para acadar un municipio sustentable, sostible e respectuoso co medio ambiente


Como canles de diálogo establécense un cuestionario, buzón de suxestións e un foro de participación cidadá que terá lugar o vindeiro mércores, 19 de outubro, ás 20 horas nos baixos da Alameda

A través do FEDER e dos fondos estruturais da Unión Europea que xestiona a Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, estase a promover desde as Administracións o crecemento sustentable dos municipios. Con este fin, apóiase a elaboración de estratexias de sustentabilidade ambiental buscando a integración e a adaptación ao cambio climático na xestión pública.
No marco deste compromiso, desde o Concello de Ordes estase a traballar na elaboración, deseño e execución de proxectos e plans na procura dun municipio sustentable, sostible e respectuoso co medio ambiente, que avance na mitigación do cambio climático e que reduza as emisións GEI.
As principais liñas de actuación son:
• Neutralizar as consecuencias do Cambio Climático a través de actuacións enfocadas á prevención.
• Mellorar a Eficiencia Enerxética nas edificacións, nas infraestruturas e nos servizos públicos.
• Aumentar o uso das Enerxías Renovables nas edificacións e estruturas públicas.
• Fomentar a Mobilidade Urbana Sustentable a través da mellora da rede viaria, carrís bici e peonís, así como da conexión urbana-rural.

Conscientes da importancia deste reto e da necesidade de contar coa implicación da cidadanía para configurar e construír entre todos un territorio sustentable, o Goberno local vén de activar varias canles para recibir opinións e suxestións:

– Foro de Participación Cidadá, que se desenvolverá o mércores 19 de outubro ás 20 horas nos baixos da Alameda.
– Buzón de suxestións (ordes.participa@ordes.gal), onde se poderán enviar achegas sobre as melloras que se poderían facer nestes ámbitos e que beneficien ao concello. O prazo para o envío de propostas pecharase o día 26 de outubro.
– Cuestionario, que estará colgado na web do Concello, para que a cidadanía valore as prioridades de mellora que se identificaron para Ordes.

Este proxecto está cofinanciado nun 80 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020